A Asociación de Empresarios Sete Pontes, presente na Asemblea Xeral e no VI Foro de Emprendedores de ATA
A nosa asociación participou os días 3 e 4 de marzo na Asemblea Xeral e no VI Foro de Emprendedores e Autónomos organizados pola Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) en Madrid.
María Carballeira, responsable de comercio, e Jesús Vivero, xerente da asociación, viaxaron ata a capital para asistir a este evento clave, reafirmando así o noso compromiso co tecido empresarial.
Na Asemblea Xeral, inaugurada pola vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e clausurada polo presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, celebráronse as eleccións para a nova Xunta Directiva de ATA. Lorenzo Amor foi reelixido como presidente e afrontará un novo mandato de cinco anos. Dende a nosa asociación, queremos trasladarlle os nosos parabéns e apoio nesta nova etapa.
O VI Foro de Emprendedores e Autónomos serviu como un espazo de encontro e debate sobre os principais desafíos do sector: a transformación dixital, o impacto da intelixencia artificial, a ciberseguridade, a protección social dos autónomos e as reformas fiscais previstas. Un evento enriquecedor que reforza a importancia da unión para construír un futuro máis sólido para autónomos e empresas.
Dende a Asociación de Empresarios Sete Pontes, seguimos apostando pola colaboración entre asociacións, a participación activa en foros clave e a defensa dos intereses dos nosos empresarios e autónomos. Só sumando esforzos conseguiremos impulsar un entorno máis favorable para o emprendemento e a actividade económica.