O encontro, levado a cabo nas instalacións do restaurante Montero, serviu para facer balance do ano 2024, definir as liñas de traballo para o 2025 e aprobar decisións clave para o futuro da entidade.
Durante a sesión presentáronse e aprobáronse as contas anuais do exercicio 2024, nas que se destacou o peche do ano cun superávit. Este resultado positivo foi froito das medidas adoptadas pola directiva para avanzar cara ao obxectivo estratéxico da autosuficiencia económica, unha prioridade que permitirá á asociación manter a súa actividade de maneira estable e con recursos propios.
Un dos momentos máis destacados da xornada foi a actualización dos estatutos e o cambio de imaxe, logo de aprobarse la asamblea xeral do ano pasado o cambio de nome a ASOCIACIÓN DE EMPRESARIOS DE VILALBA. A nova denominación, xa adiantada na asemblea do ano anterior, busca reforzar a identidade local e a vinculación co tecido empresarial do municipio.
Tamén se realizou un balance das principais accións desenvolvidas ao longo do 2024. Entre elas, subliñouse o inicio da execución do Plan Estratéxico aprobado en marzo do ano pasado, que marca unha folla de ruta para o crecemento da entidade nos vindeiros anos.
No eido do comercio, a asociación logrou o recoñecemento como Centro Comercial Aberto (CCA), o que permite acceder a liñas de subvención da Xunta de Galicia para campañas de dinamización comercial. Esta iniciativa terá continuidade ata polo menos 2029, asegurando estabilidade na programación de actividades en apoio ao comercio local.
Polo que respecta ao polígono industrial, a entidade impulsou a solicitude do recoñecemento de Vilalba como Concello Emprendedor, permitindo acceder, por primeira vez en anos, a fondos autonómicos para a mellora destas infraestruturas. De feito, Vilalba foi o municipio galego que recibiu a maior dotación orzamentaria neste ámbito. Esta nova etapa tradúcese nunha colaboración directa entre a asociación e o Concello, coa planificación de dúas obras prioritarias anuais que garantan un mantemento continuo e progresivo do polígono.
Así mesmo, anunciouse que nos próximos días se analizará a nova convocatoria de axudas da Xunta para continuar executando actuacións no ámbito industrial.
A asemblea contou coa participación do vicealcalde de Vilalba, Modesto Renda, quen informou sobre o estado actual do proxecto de ampliación do polígono industrial e os seguintes pasos previstos, sempre en coordinación coa asociación empresarial. Pola súa parte, a alcaldesa tamén presente no acto, agradeceu o labor da entidade e manifestou a súa disposición a seguir colaborando estreitamente para identificar necesidades, deseñar proxectos e executar actuacións conxuntas.