A Asociación de Empresarios de Vilalba pon en marcha, un ano máis, a campaña para acoller a volta ao cole, vixente entre o 8 e o 21 de setembro. O obxectivo é apoiar ás tendas da vila coincidindo co inicio do curso escolar e premiar a confianza da clientela.
Durante estas dúas semanas, os establecementos participantes repartirán papeletas en función do importe das compras: unha participación por compras de entre 10 e 49,99 euros; dúas participacións por compras de 50 a 99,99 euros; e tres participacións a partir de 100 euros.
As papeletas permitirán participar en dous sorteos, nos que as persoas gañadoras poderán escoller entre unha viaxe en caravana ou un vale de compra de 200 euros. Un dos sorteos será non presencial e o outro terá lugar de maneira presencial no Desfile do Comercio Local, previsto para o 27 de setembro.
Pegatinas para a volta ao cole
Como novidade, nesta edición repartiránse tamén pegatinas con forma de caravana, co lema “Volta ao cole co comercio local de Vilalba”. Están deseñadas para que os máis pequenos poidan personalizar libros, cadernos ou portátiles, incluíndo un espazo para escribir o nome, o curso e a materia.
O Desfile do Comercio Local converterase, unha vez máis, no punto culminante da campaña. O evento, xa consolidado no calendario vilalbés o 27 de setembro, reunirá a clientela, comerciantes e veciñanza para celebrar a forza do comercio de proximidade, ademais de acoller o sorteo final da campaña.