A campaña desenvolverase do 20 ao 27 de agosto e contará cun sorteo de dous vales de 100 euros entre as persoas que realicen as súas compras nos establecementos participantes.
O comercio vilalbés prepárase para as Festas de San Ramón e Santa María cunha nova edición de O Comercio na Rúa, unha iniciativa da Asociación de Empresarios de Vilalba que busca dinamizar as compras no comercio local e achegar os establecementos á cidadanía.
Durante os 7 días de campaña os comercios adheridos sacarán os seus produtos ao exterior, aproveitando o bo tempo e creando un ambiente comercial diferente nas rúas de Vilalba.
A iniciativa permitirá aos clientes coñecer de preto os produtos dos establecementos participantes, descubrir novas propostas e preparar as súas compras para as festas, ao mesmo tempo que se aposta por un modelo de consumo de proximidade.
Dous vales de 100 euros
Ademais da propia actividade comercial, O Comercio na Rúa contará cunha acción especial para premiar a confianza no comercio local.
Por cada compra realizada nos establecementos participantes, as persoas consumidoras recibirán participacións para entrar no sorteo de dous vales de 100 euros, que poderán utilizar posteriormente no comercio local.
Desde a Asociación de Empresarios de Vilalba animan á veciñanza e ás persoas que visiten a localidade durante estes días a saír á rúa, coñecer as propostas dos comercios participantes e apostar polas compras no propio municipio.





