O Auditorio Carmen Estévez acollerá ás 19:00 horas unha nova cita coa moda de outono-inverno, a música e o baile, na que tamén se celebrarán os sorteos da campaña Volta ao Cole.
A Asociación de Empresarios de Vilalba organiza o vindeiro sábado 17 de outubro, ás 19:00 horas, no Auditorio Carmen Estévez, a terceira edición do Desfile do Comercio Local, unha iniciativa que busca dar visibilidade aos establecementos da vila, promocionar as súas coleccións de outono-inverno e poñer en valor a variedade e calidade do comercio de proximidade.
Tras a boa acollida das edicións anteriores, o desfile regresa cunha proposta que combina moda, tendencias, música e baile, nunha tarde pensada para gozar en familia e descubrir todo o que ofrece o comercio vilalbés.
Un dos aspectos máis especiais desta cita é a participación dos propios veciños e veciñas, especialmente dos máis pequenos, que se converten en auténticos protagonistas da pasarela. Para moitas familias, o desfile xa é unha data esperada, na que nenos e nenas teñen a oportunidade de vivir a experiencia de ser modelos por un día.
Os sorteos da campaña Volta ao Cole, tamén protagonistas
Durante o evento celebraranse os dous sorteos da campaña Volta ao Cole, desenvolvida pola Asociación para incentivar as compras nos establecementos locais durante o inicio do curso escolar.
Ademais, darase a coñecer o número total de participacións recollidas e o importe que a Asociación destinará á compra de material no Centro Ocupacional de Vilalba, que posteriormente será repartido durante a campaña de Nadal.
Deste xeito, a iniciativa reforza o compromiso social do comercio local e a súa colaboración con outras entidades da vila.
Unha festa para agradecer o apoio ao comercio de Vilalba
Esta terceira edición servirá tamén como peche da programación de dinamización comercial desenvolvida pola Asociación durante o período comprendido entre novembro de 2025 e outubro de 2026.
Máis alá de presentar as novas tendencias, o desfile pretende ser unha festa do comercio local e un agradecemento á veciñanza pola súa confianza e apoio aos negocios de Vilalba.
A Asociación anima a toda a cidadanía a participar nesta cita, que contará con entradas gratuítas, e a compartir unha tarde na que o comercio e os seus clientes serán os verdadeiros protagonistas.
O evento está organizado pola Asociación de Empresarios de Vilalba, coa colaboración da Xunta de Galicia, Comercio Galego e o Concello de Vilalba.





