A Praza da Constitución de Vilalba acolleu esta fin de semana unha nova edición da Feira de Oportunidades, organizada pola Asociación de Empresarios de Vilalba, que se pechou cun balance moi positivo tanto en participación como en afluencia de público.
Durante os días sábado 11 e domingo 12 de abril, un total de 16 establecementos asociados sacaron os seus produtos á rúa en formato outlet, ofrecendo artigos con descontos especiais en sectores como moda infantil e de adulto, calzado, librarías e comercio téxtil, entre outros.
A iniciativa volveu converter o centro da vila nun espazo dinámico de compra e encontro, atraendo tanto á veciñanza como a visitantes, que aproveitaron a oportunidade para acceder a produtos de calidade a prezos máis accesibles.
Dinamización e ambiente familiar
Ao longo da fin de semana, a feira contou cunha importante afluencia de público durante todo o horario establecido, consolidando este evento como unha das accións de dinamización comercial máis relevantes do calendario anual.
Ademais da oferta comercial, a programación incluíu actividades complementarias que contribuíron a mellorar a experiencia das persoas asistentes, como o servizo de ludoteca infantil, que facilitou a conciliación familiar, e os sorteos e promocións vinculadas ás compras realizadas.
Neste sentido, as compras realizadas durante a Feira de Oportunidades permitían participar no sorteo dunha cesta de produtos gourmet, un incentivo adicional que tivo unha gran acollida entre o público asistente.
As persoas gañadoras deste sorteo foron Fina e Emilia Miragaya, que resultaron premiadas tras a correspondente recollida e extracción das participacións.
Impulso ao comercio de proximidade
Desde a Asociación de Empresarios de Vilalba destácase a boa acollida desta nova edición, así como a implicación dos establecementos participantes e a resposta da cidadanía, que volveu apostar polo comercio local.
A Feira de Oportunidades enmárcase dentro do programa de actividades do Centro Comercial Aberto de Vilalba para 2026, co obxectivo de seguir impulsando o consumo de proximidade, dinamizar o tecido comercial e ofrecer propostas atractivas ao longo de todo o ano.
A campaña estivo organizada pola Asociación de Empresarios de Vilalba, coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio de la Xunta de Galicia e do Concello de Vilalba.






